José María Pena, empresario estradense fusilado

jose_maria_pena

Jose María Pena

O 5 de xuño de 1937 fusilaban en Pontevedra a José María Pena López, presidente da Fronte Popular da Estrada e destacado empresario. Nado en Tabeirós en 1879, foi representante da axencia FORD, empregado-cuidador dun surtidor de gasolina de C.A.M.P.S.A., propietario dun garaxe con stok de accesorios para automóbiles e tamén dunha fábrica lixivias e bebidas.

En “El Águila Estradense”, como se chamaba a fábrica de bebidas, ademais de gasosas elaboraba sifóns, sidra, cervexas, viños espumosos e varias clases de refrescos, entre eles o “Pic-Nic”, moi popular no pobo nos anos 30. 

villa_estradense

Villa Estradense

A factoría, con maquinaria mercada en Madrid e Barcelona, instalouna polo ano 1927 na rúa San Paio a carón da fermosa casa eclecticista que acababa de construír, a “Villa Estradense”. Unha edificación na que destacaban as aguias que se erguían no remate da cuberta e que, segundo o testemuño dun dos seus netos, tiñan como ollos os boliches das vellas botellas.

No tocante á súa actividade política, en 1936 foi elixido presidente da Fronte Popular, feito que acabaría por poñelo diante do pelotón de fusilamento. Como sinala o investigador Xoán Carlos Garrido, condenado a morte por ‘marxista’, achou consolo relixioso pero non a salvación da súa vida. Recluído na prisión de Pontevedra, foi executado ás 6 da mañá do 5 de xuño no quilómetro 1 da pontevedresa Avenida de Buenos Aires xunto a outros cinco mártires estradenses. Así se recollía a nova no xornal “El Compostelano”:

En Pontevedra fueron pasados por las armas, en virtud de sentencia dictada por Consejo de guerra, los paisanos Jesús Puente Fontanes, Ramón Fernández Rico, José Rodríguez Sanjiao, Cándido Tafalla Frois, Manuel Nogueira González y José María Pena López, el primero ex-alcalde de La Estrada y vecinos los demás de dicha villa. [1]

En xaneiro de 1938, a Comisión de Incautación de Bens da provincia de Pontevedra manda instruír expediente de responsabilidade civil contra José María e outros sete veciños de Cuntis, séndolles confiscados todos os bens. A partir deste momento, a familia de Pena preitearía e pagaría numerosas sancións por “responsabilidades políticas” para recuperar parte das súas propiedades como a casa que, en definitiva, case teñen que volver a mercar.

A principios dos anos 50, os herdeiros de José María venden os inmobles a un industrial catalán, Salvador Cusidó Franco, quen instalará na fábrica unha manufactura téxtil. Con este negocio e cos novos propietarios, a memoria de José María quedaría inxustamente relegada a un segundo plano. E máis aínda cando nos anos 80 se tira o conxunto de edificacións e se constrúe un bloque de vivendas. Deste xeito, a Villa Estradense ficará só no recordo da veciñanza, pero farao como a casa dos cataláns ou dos Cusidó, esquecendo así a memoria do seu promotor fusilado.

soar_coesco

Edificios actuais no soar da Villa Estradense

[1] Jesús, natural de Guimarei, era xastre; Ramón, natural de Vilasantar e veciño de Riobó, foi ebanista e tenente de alcalde; José, da Estrada, foi chapista e concelleiro; Cándido, natural de Vila de Cruces, foi soado futbolista e administrador dun hotel; e Manuel, natural de Teo, foi empresario carroceiro.

Imaxes e máis información do portal http://www.tabeirosmontes.com/

Agradecementos a José Manuel Pena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *