Gharlopinha

72ddd-gharlopinha
c4649-carpinteirosNeta de carpinteiro, recordo a “caseta” do abuelo chea demartillos, gharlopas, sepillos, berberiquís e trenchas. Xunto ás ferramentas, un sen fin de latas de bonito dun quilo deAtunsa e pandeiretas de sardiñas de Escurís espallábanse polas baldas organizando puntas, cravos e arandelas. E certo é que unha base importante da nosa arquitectura foron os carpinteiros, que onda outros profesionais, teceron ao longo dos séculos a armazón do noso patrimonio. Homes, e en menor medida mulleres, cuxos nomes permaneceron no anonimato. E ben seguro que desde a Prehistoria non houbo unha obra neste país na que a madeira non fixera falta!

O etnógrafo Xaquín Lorenzo, Xocas, na monografía sobre os oficios, di do de carpinteiro que foi un dos que máis desenvolvemento tivo grazas á riqueza forestal. Así mesmo, diferencia varias especialidades: os de ribeira, fragueiros, cubeiros, zoqueiros, torneiros, ebanistas, os de armar e os de taller, como o meu avó. A súa “caseta”, como tamén denomina Xocas, está ao carón da casa e nela non pode faltar nin o banco nin o “instrumental” que recolle na ilustración que aquí reproduzo, e da que destaco as seguintes ferramentas:Garlopa: a que dá nome ao blog é, segundo a RAG, unha “ferramenta do carpinteiro máis longa ca o cepillo e con puño, que serve para labrar ou tornar lisas as superficies de madeira”; mentres que Estraviz a define como “plaina grande de carpinteiro para alisar mais a madeira já desbastada”.

Cepillo: utensilio de madeira de forma alongada, que leva incrustada, atravesándoo, unha coitela, empregado en carpintaría para quitarlle pequenas láminas á madeira e tornala lisa (RAG); instrumento de carpintaria, pequena plaina com que se alisa a madeira (Estraviz).

Berbequí: aparello constituído por unha manivela dobrada en dous cóbados, en forma de asa, cunha barrena no extremo inferior, utilizado en carpintaría para facer furados na madeira (RAG); espécie de barrena para furar madeira, metal, pedra ou louça (Estraviz).

Madeira: materia compacta e dura que está debaixo da casca das árbores e doutras plantas (RAG); parte lenhosa, compacta e dura do tronco, da raiz e das ramas das plantas ou tábuas, vigas, etc., empregadas em trabalhos de carpintaria (Estraviz). 

Serraduras: conxunto de partículas que se deprenden dunha materia ao serrala (RAG); serrim, pó que cai de qualquer madeira que se serra (Estraviz).

Garlopas, cepillos, trencha e outras ferramentas do(s) avó(s) Ramiro(s)

Por isto, este blog naceu en marzo de 2009 con pretensión de poñer en valor o traballo de diferentes profesionais, amosando acertos e fallos que xiran en torno ao noso patrimonio e á nosa cultura. Cabezas de boa madeira para construír, pero tamén miolos cheos de serraduras para destruír.