Edificio da antiga biblioteca da Estrada

O edificio da antiga biblioteca da Estrada sitúase na rúa Serafín Pazo, entre as prazas do concello e da farola. Unha rúa definida por Olimpio Arca como a da cultura estradense polos usos que, como veremos, chegou a ter esta construción, aínda que pouco a pouco foise convertendo na rúa da incultura por mor dun urbanismo sen control.

O promotor e construtor da obra foi José Sanmartín Constenla, natural da parroquia da Somoza. Malia non conservarse o proxecto da mesma, segundo unha inscrición situada nunha das portas dataría de 1931. O edificio foi concibido para vivendas do propietario e familia. Porén, o primeiro uso coñecido sería o de instituto de ensinanza media trala sinatura dun contrato de aluguer en 1933 co concello por 4000 pesetas anuais. Tempo máis tarde pasaría a ser o colexio autorizado Inmaculada Concepción.

Desde finais dos anos 50 e ata os 70, o concello volve a alugar o inmoble, primeiro para biblioteca e logo para aloxar as dependencias municipais mentres se reformaba a casa consistorial. Posteriormente, comezaría a súa andaina como escola de Formación Profesional, acollendo despois novamente as instalacións da biblioteca pública municipal. Con todo, en xaneiro de 1988, a prensa facía eco do lamentable estado no que se atopaba o local destinado a biblioteca, insistindo na necesidade de atopar un mellor.

Tralo traslado da biblioteca á casa da cultura, o inmoble cae no esquecemento ata o 2003. Neste ano, unha empresa inmobiliaria solicitaría licenza para a construción dun bloque de vivendas. Un proxecto que, afortunadamente, se paralizou debido á falta do planeamento urbanístico e á suspensión de licenzas urbanísticas. Porén, nestes días volveu aparecer a noticia na prensa. Así, a construtora local Bamarti construirá un edificio de 26 vivendas. Ao parecer, respectará a fachada histórica, aínda que ampliando o número de plantas. Un feito ben triste para o patrimonio urbano estradense que non implica outra cousas que a perda definitiva do ben ecléctico.

Análise formal

Trátase dunha edificación de planta cuadrangular que consta de baixo e unha altura. Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas con tella plana. A fachada principal organízase a través de tres rúas, seguindo as laterais a mesma disposición simétrica.

Na planta baixa, dúas portas flanquean un gran van central. Enriba deste, na primeira planta, ábrese un balcón con varanda de formigón, mentres que aos lados se atopan dúas portas de aire. A particularidade destas xorde ao dispoñer dunha plataforma cara ao exterior, pois asemella que nun primeiro momento ían ser balcóns.
En canto á rúa principal, máis ancha que as laterais, ten unha organización semellante. Na planta baixa disponse un gran oco central cunha porta a cada lado. Porén, o tratamento é diferente ao dos outros vans, xa que o linteis posúen forma de arco, o que lle confire maior importancia ao corpo, resaltado polo almofadado do mesmo. No primeiro piso, seguindo a liña marcada polas portas inferiores, ábrense tres balcóns sobre ménsulas profusamente decoradas. Todo o conxunto estaba rematado por unha cornixa cunha balaustrada con floreiros, aínda que a da rúa esquerda foi sacrificada tralo engadido do baixo cuberta a finais dos anos 90.
No que se refire ás fachadas laterais, a esquerda é medianeira con outro edificio, mentres que na da dereita só se abren pequenos vans cadrados a media altura. Finalmente, a posterior, orientada cara ao oeste, presenta unha sinxeleza construtiva, con portas no baixo e fiestras no primeiro piso, pero sen ningunha decoración.
A nivel ornamental destacan o almofadado do baixo da rúa principal, ás ménsulas dos balcóns e os capiteis das pseudopilastras do van central. Tamén son salientables os balaústres de ferro que posúen as portas na parte superior, e o peche dos balcóns, xunto co remate do edificio. Finalmente, habería que nomear os azulexos utilizados no remate das divisións verticais das rúas ou nos vans da planta baixa do corpo dereito.

O interior atópase moi modificado e en estado ruinoso. A estrutura comeza a sufrir as consecuencias do abandono, das humidades e dos animais que aniñan na armazón da cuberta. A reforma que sufriu non está documentada, aínda que segundo testemuñas podemos afirmar que si que a houbo, xa que se lembran como era antes. Ao parecer, o máis salientable era a disposición central dunha escaleira imperial, semellante á que tivo a casa do concello e que tamén se perdeu.

Análise tipolóxica

O edificio da antiga biblioteca podemos relacionalo co movemento ecléctico que se desenvolveu en Galicia a principios do século XX. Son varias as semellanzas que atopamos neste inmoble en relación con outros realizados en cidades como Vigo, Pontevedra ou Santiago.
O uso dunha cantaría granítica será un dos rangos distintivos empregados por José Sanmartín na Estrada, mantendo un diálogo coas novas solucións que desde finais do século XIX se adoptaban no sur da provincia de Pontevedra. Xunto a este, destacan o almofadado do baixo, a horizontalidade dos corpos, a simetría na apertura dos vans e as pilastras xigantes que percorren a fachada verticalmente.
En canto á decoración, utiliza recursos modernistas como os balaústres dos balcóns e da cornixa, as ménsulas ou os azulexos de separación dos vans e do coroamento das pilastras.
Nesta obra promovida e executada por Sanmartín, vemos o mesmo tipo de peche dos balcóns e das portas de aire que os utilizados en outras obras na Estrada, tanto no casco urbano como no rural. Así, os balaústres son similares aos da súa casa da Somoza e a varanda de flores á dun panteón do cemiterio de Figueroa. Porén, as influencias máis directas tenas nas obras que construíu na praza de Galicia para Porto Verdura, e na casa do concello de Franco Montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *