Veterinario do Mosteiro (Nogueira, Meis)

Desde o ano 2004 a veciñanza de Meis dispón por vez primeira dunha pequena oficina de correos. Instalouse no veterinario do Mosteiro, na zona do mercado de gando, antigo Campo da Feira. Na construción, de bloques prefabricados, volvemos a atopar a clásica arcada na fachada principal. Xunto aos ocos deste lenzo, porta e fiestra, posúe de maneira simétrica dous vans nas fachadas laterais, un deles cegados. A simetría só se rompe cun pequeno oco a carón da fiestra cegada.

Veterinario da Cañiza

Xunto á casa de peóns, na Cañiza tamén atopamos outra construción xenérica, neste caso para o tratamento do gando vacún. Está na carballeira do Cacharado, no centro do pobo, antigo campo da feira.

Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas, na fachada principal posúe o característico pórtico con triple arcada de medio punto.

Na actualidade é propiedade municipal e acolle a coñecida como “Tasca da Carballeira”, explotada mediante unha contrata nos meses de verán.

Veterinario de Gondomar

Grazas ás redes sociais e á axuda de Google Street View descubrín unha nova construción en Gondomar que responde á tipoloxía dos “veterinarios”. Ademais, pola súa situación, nunha carballeira e antiga feira, encaixa con outras das obras xa vistas.

Na actualidade, este antigo centro de inseminación alberga a Oficina de Turismo do Concello de Gondomar. O edificio, no exterior, presenta unha tripla arcada a modo de pórtico. Neste sitúase a entrada e abrense dous vans, igual que nos laterais. Pola contra, na fachada posterior posúe un engadido, probablemente froito da restauración.

Á falta dunha visita a Gondomar, as fotos que aquí poño proceden da páxina de facebook da Oficina de Turismo.

Veterinario no Foxo (Ancorados – A Estrada)

O Centro de Inseminación do Foxo repite o mesmo esquema construtivo dos veterinarios xa vistos en Alfoz, Cervo e Portas. No mesmo estado de abandono que este último, o característico desta edificación é que conserva no lateral leste o topónimo castelanizado, xunto cos datos do Ministerio e da Dirección Xeral que a promoveron nos anos 60 do século XX. Resulta tamén significativa a súa situación, próxima á desaparecida báscula para o gando tan usada nas afamadas feiras do lugar, en decadencia desde mediados dos ’40.

Veterinario en San Bieito (Lantaño – Portas)

Na provincia de Pontevedra volvemos a atopar pequenas edificacións dedicadas a Centros Secundarios de Inseminación Artificial Gandeira similares aos vistos en Lugo. A de Portas sitúase moi próxima á estrada (PO-8004), no lugar de San Bieito, afamado pola súa romaría. O esquema construtivo repite a planta cuadrangular, unha altura, cuberta a dúas augas e pórtico na fachada principal con arcadas de medio punto. O seu estado de conservación non é bo, afectado máis polo vandalismo que polo desuso e o abandono.

Veterinario en Cervo


Na Mariña Lucense atopamos outro centro veterinario semellante ao de Alfoz. A construción posúe planta cuadrangular e está cuberta a dúas augas. O máis salientable desta tipoloxía é o pórtico da fachada principal, composto por tres arcos de medio punto no frente e un no lateral.

Veterinario de Alfoz

Entre os anos 50 e 60 do século XX, o Minsiterio de Agricultura, a través da Dirección Xeral de Gandeiría, promove a creación de Centros Secundarios de Inseminación Artificial Gandeira. Os edificios que veremos en vindeiras entradas son como o de Alfoz, polo que supoñemos que este tivo a mesma finalidade.