Edificio da antiga biblioteca da Estrada

O edificio da antiga biblioteca da Estrada sitúase na rúa Serafín Pazo, entre as prazas do concello e da farola. Unha rúa definida por Olimpio Arca como a da cultura estradense polos usos que, como veremos, chegou a ter esta construción, aínda que pouco a pouco foise convertendo na rúa da incultura por mor dun urbanismo sen control.

O promotor e construtor da obra foi José Sanmartín Constenla, natural da parroquia da Somoza. Malia non conservarse o proxecto da mesma, segundo unha inscrición situada nunha das portas dataría de 1931. O edificio foi concibido para vivendas do propietario e familia. Porén, o primeiro uso coñecido sería o de instituto de ensinanza media trala sinatura dun contrato de aluguer en 1933 co concello por 4000 pesetas anuais. Tempo máis tarde pasaría a ser o colexio autorizado Inmaculada Concepción.

Desde finais dos anos 50 e ata os 70, o concello volve a alugar o inmoble, primeiro para biblioteca e logo para aloxar as dependencias municipais mentres se reformaba a casa consistorial. Posteriormente, comezaría a súa andaina como escola de Formación Profesional, acollendo despois novamente as instalacións da biblioteca pública municipal. Con todo, en xaneiro de 1988, a prensa facía eco do lamentable estado no que se atopaba o local destinado a biblioteca, insistindo na necesidade de atopar un mellor.

Tralo traslado da biblioteca á casa da cultura, o inmoble cae no esquecemento ata o 2003. Neste ano, unha empresa inmobiliaria solicitaría licenza para a construción dun bloque de vivendas. Un proxecto que, afortunadamente, se paralizou debido á falta do planeamento urbanístico e á suspensión de licenzas urbanísticas. Porén, nestes días volveu aparecer a noticia na prensa. Así, a construtora local Bamarti construirá un edificio de 26 vivendas. Ao parecer, respectará a fachada histórica, aínda que ampliando o número de plantas. Un feito ben triste para o patrimonio urbano estradense que non implica outra cousas que a perda definitiva do ben ecléctico.

Análise formal

Trátase dunha edificación de planta cuadrangular que consta de baixo e unha altura. Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas con tella plana. A fachada principal organízase a través de tres rúas, seguindo as laterais a mesma disposición simétrica.

Na planta baixa, dúas portas flanquean un gran van central. Enriba deste, na primeira planta, ábrese un balcón con varanda de formigón, mentres que aos lados se atopan dúas portas de aire. A particularidade destas xorde ao dispoñer dunha plataforma cara ao exterior, pois asemella que nun primeiro momento ían ser balcóns.
En canto á rúa principal, máis ancha que as laterais, ten unha organización semellante. Na planta baixa disponse un gran oco central cunha porta a cada lado. Porén, o tratamento é diferente ao dos outros vans, xa que o linteis posúen forma de arco, o que lle confire maior importancia ao corpo, resaltado polo almofadado do mesmo. No primeiro piso, seguindo a liña marcada polas portas inferiores, ábrense tres balcóns sobre ménsulas profusamente decoradas. Todo o conxunto estaba rematado por unha cornixa cunha balaustrada con floreiros, aínda que a da rúa esquerda foi sacrificada tralo engadido do baixo cuberta a finais dos anos 90.
No que se refire ás fachadas laterais, a esquerda é medianeira con outro edificio, mentres que na da dereita só se abren pequenos vans cadrados a media altura. Finalmente, a posterior, orientada cara ao oeste, presenta unha sinxeleza construtiva, con portas no baixo e fiestras no primeiro piso, pero sen ningunha decoración.
A nivel ornamental destacan o almofadado do baixo da rúa principal, ás ménsulas dos balcóns e os capiteis das pseudopilastras do van central. Tamén son salientables os balaústres de ferro que posúen as portas na parte superior, e o peche dos balcóns, xunto co remate do edificio. Finalmente, habería que nomear os azulexos utilizados no remate das divisións verticais das rúas ou nos vans da planta baixa do corpo dereito.

O interior atópase moi modificado e en estado ruinoso. A estrutura comeza a sufrir as consecuencias do abandono, das humidades e dos animais que aniñan na armazón da cuberta. A reforma que sufriu non está documentada, aínda que segundo testemuñas podemos afirmar que si que a houbo, xa que se lembran como era antes. Ao parecer, o máis salientable era a disposición central dunha escaleira imperial, semellante á que tivo a casa do concello e que tamén se perdeu.

Análise tipolóxica

O edificio da antiga biblioteca podemos relacionalo co movemento ecléctico que se desenvolveu en Galicia a principios do século XX. Son varias as semellanzas que atopamos neste inmoble en relación con outros realizados en cidades como Vigo, Pontevedra ou Santiago.
O uso dunha cantaría granítica será un dos rangos distintivos empregados por José Sanmartín na Estrada, mantendo un diálogo coas novas solucións que desde finais do século XIX se adoptaban no sur da provincia de Pontevedra. Xunto a este, destacan o almofadado do baixo, a horizontalidade dos corpos, a simetría na apertura dos vans e as pilastras xigantes que percorren a fachada verticalmente.
En canto á decoración, utiliza recursos modernistas como os balaústres dos balcóns e da cornixa, as ménsulas ou os azulexos de separación dos vans e do coroamento das pilastras.
Nesta obra promovida e executada por Sanmartín, vemos o mesmo tipo de peche dos balcóns e das portas de aire que os utilizados en outras obras na Estrada, tanto no casco urbano como no rural. Así, os balaústres son similares aos da súa casa da Somoza e a varanda de flores á dun panteón do cemiterio de Figueroa. Porén, as influencias máis directas tenas nas obras que construíu na praza de Galicia para Porto Verdura, e na casa do concello de Franco Montes.

Adeus á Casa de Portela en Villa Brasil (A Estrada)

No mes de xaneiro de 2001 tiven a oportunidade de estar na coñecida como “Casa de Portela”, situada no barrio estradense de “Villa Brasil”, actual rúa Fernando Conde. As súas propietarias, coas que acudín a vela, tíñana á venda, pero ían a miúdo por alí para ventilala e favorecer a súa conservación.

Vista xeral desde a rúa Fernando Conde en 2001
Vista da horta co engadido para sanatorio

Vista das escaleiras desde a entrada
Vista dun corredor na planta principal
Detalle da galería exterior do solario
Varios anos despois da miña incursión, a casa foi vendida (ca. 2004-5), coido que directamente á inmobiliaria Promociones Ramallosa Cinco SL, que pretendían construír en toda a mazá. Desde ese momento, as portas de aire dos seus balcóns quedaron abertas para sempre e as súas reixas desapareceron. Con chuvia e con sol, o paso do tempo foi motivando un deterioro progresivo. A clave? A ruína. Unha acción provocada para acadar a declaración de ruína técnica e económica e a conseguinte licenza de derrube. Pero o PXOM non se aprobou, as licenzas paralizáronse e a “Casa do Paxariño” (no seu baixo houbo un bar con ese nome) foi salvándose, malia que as obras xa comezaran na parte posterior da finca. Unha escapatoria que durou case dez anos, pois a semana pasada chegoulle o anuncio do seu día 🙁
Estamos ante unha obra de principios do século XX que debera estar protexida. De feito, no avance do catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1996, aparecía con protección “ambiental” e describíana así:

“su singularidad radica en su policromía. El balcón superior con retranqueo de la planta es solución frecuente ya vista. Curiosa la buhardilla para luces”.

Ademais, parte desa “singularidade” estaba no engadido posterior onde o médico Jesús Portela Fares tivera o seu “Sanatorio naturista”, que así se describía nunha nova no xornal El Emigrado do mes de xuño de 1927:

Sanatorio naturista.-
El competente médico de Estrada, D. Jesús Portela Fares está dando los últimos retoques a la instalación de su sanatorio naturista de Villa-Brasil.

Este importante establecimiento, destinado a devolver la salud a los pacientes por los procedimientos mas modernos, viene, desde luego a dar más realce a esta villa, y será un nuevo motivo para atraer a la misma la gente forastera.

E así se anunciaba:

Cabe lembrar que durante a primeiro terzo do século XX, A Estrada coñecíase como a “Villa Airista”. Así, por exemplo, en decembro de 1917, o catedrático de medicina de Santiago, Antonio Novo Campelo impartiu unha conferencia de extensión universitaria co título “Valor de La Estrada como estancia climatérica de altura media” na que explicaba a importancia do clima da vila e dos seus contornos. Un pobo recomendado para tomar os “aires” da montaña a doentes de tuberculose e outras afeccións pulmonares ou respiratorias. De feito, nesa mesma época, o filántropo vigués Fernando Conde Domínguez instalaba no linde coa parroquia de Lagartóns, no Sixto, “las simpáticas Colonias Escolares de Vigo” para que “los pequeñuelos”, “niños pobres de Vigo”, gozaran “de los salutíferos aires de esta comarca”. Outro edificio que, por desgraza, non está protexido e ten os anos contados.

A “Casa de Portela” ou a do “Paxariño” é a que eu coñecín como “Pajarera”. Igual por mor dunha mistura do nome do bar que estivo alí e as galerías acristaladas que poden asemellar un invernadoiro ou unha gaiola. A saber…

E como non localicei os negativos das fotos, as que aquí amoso sestán escaneadas da copia en papel, de aí a baixísima calidade.

Canleiros de Marcón (Pontevedra)

En Valadares, na “Casa do Outeiro”, consérvase un impresionante acueduto coñecido co nome de “Os Canleiros”. Trátase dun sistema de levada por medio dunha canalización de pedra e varios sifóns. A auga que corría pola canle empregábase para regar, para dar de comer ao gando e para uso doméstico, principalmente lavar e cociñar.

Un importante complexo hidráulico dunha casa grande na que se conserva documentación do XVII. Así, malia non conservar datos sobre a construción do canleiro, poderiámolo situar entre este século e seguinte, da mesmo maneira que o resto de edificacións que hai no conxunto etnográfico.
Cunha lonxitude duns 90 metros, a canalización atravesa a finca próxima á casa erguida sobre soportes de pedra a modo de piares. Desde aquí, adéntrase na eira como mesmo sistema de canle seguido de varios sifóns para dotar de auga á adega, á vivenda e ao lavadoiro.

P.D. Tanto as covas dos canteiros de Tomeza da entrada anterior coma estes canleiros de Marcón, co conxunto da Casa do Outeiro, coñecinos grazas a un dos roteiros polo patrimonio rural de Pontevedra organizados polo concello e realizado no mes de outubro.

Chozo de canteiros en Tomeza (Pontevedra)

Cruceiro homenaxe aos canterios
As terras de Pontevedra foron terras de grandes canteiros. Parroquias como Mourente ou Tomeza dan boa conta delo. Nesta última, un dos de maior sona foi o mestre Daniel, a quen se lle deben obras como as escaleiras da casa do concello de Pontevedra ou o cruceiro de San Xoán de Poio.
Un traballo que desenvolveron no só homes, senón tamén mulleres, quen picaban a pedra miúda que logo sería utilizada para facer estradas.
Como testemuño das horas que pasaban xunto á canteira quedan na zona unhas pequenas construcións coñecidas co nome de “covas” ou “chozos”. Utilizadas para resgardarse das inclemencias do tempo, tamén se usaban para descansar e comer.
Este chozo sitúase no monte de San Cibrán e daba servizo a traballadores da Canteira do Carrelo. Xunto a este exemplo, na zona consérvanse outros dous sobre os que se pode ler máis información na web do proxecto toponímico do Concello de Pontevedra “Chamámonos así”.

Chozo ou cova de canteiros en Tomeza
Restos dunha canteira          

Veterinario do Mosteiro (Nogueira, Meis)

Desde o ano 2004 a veciñanza de Meis dispón por vez primeira dunha pequena oficina de correos. Instalouse no veterinario do Mosteiro, na zona do mercado de gando, antigo Campo da Feira. Na construción, de bloques prefabricados, volvemos a atopar a clásica arcada na fachada principal. Xunto aos ocos deste lenzo, porta e fiestra, posúe de maneira simétrica dous vans nas fachadas laterais, un deles cegados. A simetría só se rompe cun pequeno oco a carón da fiestra cegada.

Veterinario da Cañiza

Xunto á casa de peóns, na Cañiza tamén atopamos outra construción xenérica, neste caso para o tratamento do gando vacún. Está na carballeira do Cacharado, no centro do pobo, antigo campo da feira.

Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas, na fachada principal posúe o característico pórtico con triple arcada de medio punto.

Na actualidade é propiedade municipal e acolle a coñecida como “Tasca da Carballeira”, explotada mediante unha contrata nos meses de verán.

Casa de Peóns na Cañiza

Na Ponte de Aráns, nunha curva vella da estrada 531 da Cañiza, sitúase esta “Casilla de peones camineros”. A construción segue a mesma estrutura que o resto de casas vistas ata o momento: planta rectangular dunha soa altura, cuberta a dúas augas, cantaría, fachada con porta principal flanqueada por dúas fiestras, vans remarcados e cartel no lintel co nome. As únicas diferencias son que non posúe recebo nin cheminea, e que na parte posterior ten un engadido para gardar material e maquinaria.

Veterinario de Gondomar

Grazas ás redes sociais e á axuda de Google Street View descubrín unha nova construción en Gondomar que responde á tipoloxía dos “veterinarios”. Ademais, pola súa situación, nunha carballeira e antiga feira, encaixa con outras das obras xa vistas.

Na actualidade, este antigo centro de inseminación alberga a Oficina de Turismo do Concello de Gondomar. O edificio, no exterior, presenta unha tripla arcada a modo de pórtico. Neste sitúase a entrada e abrense dous vans, igual que nos laterais. Pola contra, na fachada posterior posúe un engadido, probablemente froito da restauración.

Á falta dunha visita a Gondomar, as fotos que aquí poño proceden da páxina de facebook da Oficina de Turismo.

Muíño de Vento da Arousa

No Monte Pedrouzos da Illa de Arousa atópase outro muíño, pero de vento. Na actualidade está dentro dun recinto pechado, polo que só se deixa entrever a torre. Probablemente se tratara dun muíñofixo con cuberta xiratoria que, segundo algúns estudosos, se utilizaba cando o de mareas non funcionaba.
A única referencia histórica coñecida é a do dicionario Miñano, cando na entrada sobre Arousa recolle o seguinte “En esta isla hay … molinos harineros … y uno de viento muy útil para los pueblos del Grove y de la parte oriental de la ría”.
Construído en cantaría, posúe planta cilíndrica e dúas alturas. Na baixa, por un dos lados ábrese unha porta, mentres que polo outro hai unha entrada cegada. Pola contra, na planta alta abríanse tres fiestras, malia que unha tamén está tapiada. Debaixo desta, un pequeno oco rompe o ritmo da apertura dos vans. En canto á teitume actual, é de supoñer que se trata dunha cuberta plana de formigón, pois vense pequenos canos aliviadorios.
Este muíño de vento, xunto cos de Catoira, Valga e A Guarda, conforman un bo exemplo desta tipoloxía na provincia de Pontevedra.
Extracto do artigo “Os muíños e a Illa de Arousa” publicado na revista Dorna en xullo de 2010.
Máis información:
BAS LÓPEZ, Begoña: Muíños de Marés e de Vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1991.
Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada

Muíño de Mareas das Aceñas

O Muíño das Aceñas emprázase no oeste da Illa de Arousa, na enseada da Brava, entre a Punta Quilme e a Punta Revello. A alusión máis antiga que se relaciona coa súa existencia data de 1681, recolléndose nun documento os topónimos “Camiño as Aceñas”, “Mar das Aceñas” e “Lagoa das Aceñas”. Estas notas toponímicas contrastan coa ausencia de referencias nos foros redactados en 1609, o que fai pensar que a súa construción tivo lugar entre ámbalas dúas datas. Corrobora esta datación a presencia de certos elementos construtivos, como é o caso de trabateis ou tornachoivas sobre vans. No século XIX atopamos novos testemuños documentais, dunha banda, no dicionario de Miñano, na entrada “Arosa” onde se indica que En esta isla hay … molinos harineros en favor de la marea …; e doutra, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 7 de outubro de 1842, menciona un establecimiento de molinos de marea
 
 A auga das mareas que pon o muíño en funcionamento acumúlase nunha presa durante a preamar. Pero esta das Aceñas posúe unha particularidade, pois presenta tres zonas diferentes comunicadas entre si. No muro da principal, situado na parte final da enseada, atópase o edificio. As outras dúas estaban á súa beira, construíndose en época máis recente un valado de ladrillo entre a presa maior e unha das anexas para reaproveitar o espazo como criadeiro de marisco. O valo da primeira posuía dúas comportas de madeira cuxo espazo, na actualidade, está cegado con cachotes.
O edificio, construído en cantaría, posúe tres alturas e está cuberto con tella plana a dúas augas. O baixo dedícase aos elementos motores, mentres que na principal están aos muíños e na cuberta á vivenda, hoxe en desuso. No que respecta á planta terrea, o espazo interior dividíase á metade, con dúas moas en cada lado, das que só se conserva unha, xunto cun forno.
Era un muíño de maquía, no que o muiñeiro cobraba unha cunca de millo por cada ferrado que lle levaban a moer. Estivo en funcionamento até a década de 1980, sendo un dos últimos desta tipoloxía en activo.
En Galicia hai documentados un total de catorce muíños de mar, dos que curiosamente tres se atopan nesta ría. Así, xunto ao da Arousa, en Catoira está o do Machón, na desembocadura do río Ulla; e en Cambados o da Seca, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns.

Extracto do artigo “Os muíños e a Illa de Arousa” publicado na revista Dorna en xullo de 2010.

Máis información:
BAS LÓPEZ, Begoña: Muíños de Marés e de Vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1991.
Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada