A Capela de San Marcos de Noia

Nunha das miñas visitas ao “restauro”, o Servizo de Arqueoloxía da Xunta, localicei a fichas dos restos dunha capela en Noia dedicada a San Marcos. Situábanse nun monte da parroquia de Santa Cristina de Barro, próximos ao antigo camiño que ía a Santiago. Daquela só vira varias imaxes no blog de Rafael Gª Guerrero. Pero agora por fin fixen por ir a vela. E atopeina!

Vista dos restos ao final do camiño Restos ocultos pola maleza

Para falar da capela é preciso facelo antes da tradicional Feira de San Marcos, cuxas orixes se remontan ao século XVI. Segundo recolle o historiador Pedro García Vidal, en 1578 solicitan ao rei Felipe II establecer unha feira no concello porque “al rededor y comarca de la dicha villa no hay ni se hace feria ni mercado común en todo el año“. Este mercado anual de gando cabalar facíase no Monte de San Marcos de Barro, xunto a unha capela baixo a mesma advocación. A súa situación a beira do camiño que se diríxia a Santiago fixo dela unha romaría moi concorrida. E por mor desa situación tamén hai constancia da súa existencia a raíz da viaxe que realiza a Padrón o pai Sarmiento en novembro de 1754, quen tras durmir na casa do cura de Santa Cristina pasa pola Canle e pola Hermita de San Marco.

No século XIX construirase unha nova vía de comunicación coa capital da provincia, polo que o día 11 de marzo de 1856, a feira trasládase ao Campo de San Francisco da vila de Noia. A decisión dos poderes públicos xustificábase en que, por unha banda, xa non se transitaba polo vello e pésimo camiño que pasaba pola beira da capela onde se facía o mercado e, por outro lado, porque tiña un difícil acceso a situarse no cumio do monte e estar totalmente desabrigada, sen a protección de ningunha árbore. A corporación acorda ademais que, xunto a este encontro ordinario, tivera lugar outro o primeiro domingo do mes no Campo da Feira co obxecto de fomentar o desenvolvemento económico.

Día de Feira (Arquivo de Reino de Galicia) Día de mercado en Noia (imaxe de barbantia.es)
O cambio de situación da feira ao centro da vila hai 160 anos puido ser un dos condicionantes que provocaron o abandono e posterior derrubamento da Capela de San Marcos. Unha construción que segundo se recolle en La Ilustración Gallega, en 1880 xa estaba derruída. Alén diso, na actualidade aínda se poden albiscar restos ocultos entre a maleza. Consérvase partes dos seus muros de cachotaría orientados ao leste, ao norte e ao sur, perdéndose por completo a fachada principal e a cuberta.

A Capela de San Marcos está recollida no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia co código GA15057014. Para chegar a ela, pódese coller un camiño á altura da fábrica de Simaplast desde a estrada comarcal AC-543 que une Noia con Santiago.
A Feira de San Marcos segue a celebrarse cada 25 de abril.

Tampa da Cova da Moura (Noia)

A Couva da Moura é unha anta situada na parroquia noiesa de Argalo. A estrutura megalítica componse de sete esteos na cámara e dous no corredor. Así, pertencería ao grupo de dolmens de cámara poligonal con tendencia circular, corredor curto e entrada estreita.

Cova da Moura (Argalo)

No verán de 1980 foi obxecto dunha intervención arqueolóxica dirixida por Carlos García Martínez. Nela atopáronse máis dunha ducia de puntas de frecha, machados, cerámica e mesmo un coitelo de sílex. Porén, xa naquela década non posuía a lousa cobertoira. Unha tampa sobre a que Murguía tiña dito que se atopaba nun lugar próximo. E curiosamente, a menos dun quilómetro podemos ver unha pedra chantada na entrada do CEIP Felipe de Castro da que a veciñanza afirma que se trata da tapa do tamén coñecido como Dolmen de Argalo.

Posible tampa da anta nun colexio próximo

Para máis información ver: AGRAFOXO PÉREZ, Xerardo: “Prehistoria e arqueoloxía da terra da Barbanza”. Noia 1986.

Casa de Peóns de Ousoño (Barro – Noia)

No ano 2001 o Consello da Xunta aprobaba un decreto para desafectar a “Casilla” de Legoeiros de Ousoño e cedela ao Concello de Noia. Posteriormente, tras unha reforma na que se investiron preto de 60.000 €, converteuse no local social e cultural da AA. VV. Virxe do Carme. 

A casa repite o esquema construtivo doutras construcións de cantaría e planta baixa xa vistas, como a da Susana ou a da Barcia en Laraño, na mesma estrada comarcal. Cunha perfecta simetría, a fachada organízase a través de tres ocos: unha porta central e dúas fiestras. Cuberta a dúas augas con tella do país, nas esquinas do tellado dispóñense dúas cheminea.

Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia)

A Central Hidroeléctrica do río Tambre érguese na parroquia noiesa de Santa María de Roo, nun lugar no que os monxes cistercienses de San Xusto de Toxosoutos, dependentes de Sobrado, posuían no século XVI unhas pesqueiras para abastecerse de peixe fresco. A construción, iniciada en 1924 segundo o proxecto de Antonio Palacios, realízase grazas ao encargo da “Sociedad General Gallega de Electricidad”.

A “Sociedad General Gallega de Electricidad” creárase en Madrid o 21 de abril de 1900 cun capital social de dous millóns de pesetas co obxectivo de explotar os saltos de Segade (Caldas de Reis) e da Fervenza do Belelle (Fene). No ano 1930 fúndase coa “Fábrica Coruñesa de Gas y Electricidad”, e dous anos máis tarde nomean conselleiro a Pedro Barrié de la Maza. Anos despois, un 23 de agosto de 1943, Barrié crea “Fuerzas Eléctricas del Noroeste”, cun capital de vinte e cinco millóns de pesetas. Será a finais de 1955 cando a nova Fenosa absorba á “Sociedad General Gallega de Electricidad”.

A central, propiedade de Unión Fenosa, forma parte dun conxunto de edificacións entre as que destacan a Escola de Cornoás, a Cámara de Carga, a Casa do Xefe e a dos Mestres, todas estas destinadas na actualidade ao turismo rural. Todas as construcións baséanse nunha linguaxe historicista con fondo románico, destacando a arquitectura da propia central por asemellarse máis a un templo relixioso que a unha nave industrial.

O Pazo da Pena do Ouro (Noia)


Pese a que a construción sufriu ampliacións e reformas en diversas épocas, o Pazo da Pena do Ouro poida que sexa un dos máis antigos de Galiza, xa que nel se conserva unha inscrición do ano 1279. Posúe, ademais, un claustro románico procedente do Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Lousame).
A edificación érguese nunha finca dunhas 3 hectáreas na estrada que vai de Noia a Boiro. A actual fachada principal, orientada ao norte, foi construída en 1918, engadíndolle posteriormente dúas torres neorenacentistas. Pola contra, a fachada oriental data do século XVI e ao final da mesma ten adosada a capela, reformada por terceira vez en 1893.


En 1922, o arcebispado de Santiago de Compostela véndelle ao Vizconde de Santo Alberto, José Varela de Limia, o claustro do Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, quen o traslada e incorpora no pazo que estaba a reconstruír na Pena de Ouro.

As dependencias do mosteiro de Lousame, desde a desamortización de Mendizábal de 1835, fóranse arruinando e expoliando, ata que a decisión do arcebispado pon punto final ao deterioro. A pesar disto, o antigo claustro de Tososoutos do Pazo da Pena de Ouro, é un dos tres exemplos de claustros románicos que se conservan, xunto co da Colexiata de Santa María de Sar (Santiago de Compostela), e o de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).

Detalles da fachada da igrexa e do retablo do desaparecido mosteiro


Vistas desde o campanario do templo.

Vista do muíño desde o campanario e restos do pombal.

Na actualidade, e desde 1978, o Pazo da Pena de Ouro foi herdado polos Condes de Torrecedeira, Felipe Bárcena Varela de Limia e Rosa de Labra Morán, pasando a ser os décimo quintos propietarios. Ata ese momento, as instalacións estiveron ocupadas durante uns 20 anos polo Colexio Assumpta.

Detalle do remate da fachada principal do pazo e dun escudo


Detalle dos canzorros do claustro e da fachada da capela