Casa de Peóns na Roibeira (Oza dos Ríos)

 
Na saída de Betanzos cara a Oza dos Ríos, no quilómetro número 2 da comarcal 840, atópase esta casa de “Peones Camineros”.
Construída en cachotaría, a cantaría resérvase para o enmarque dos vans e os esquinais.
A estrutura é a mesma do resto xa vistas, destacando os tornachoivas das fiestras das fachadas laterais, a cheminea e a lousa de enriba da porta co nome.

Casa de Peóns nas Neves (A Capela)

Na capital do concello da Capela, nas Neves, hai unha casa de peóns que daba servizo á estrada comarcal 564. Sitúase no extremo do pobo, na entrada oeste desde Cabanas.

Con planta cuadrangular e cuberta, recentemente restaurada, a dúas augas, posúe planta baixa e unha altura a modo de rocho. A distribución dos ocos realízase de maneira simétrica, do mesmo xeito que nos demais exemplos vistos desta tipoloxía: porta flanqueada por dúas fiestras alongadas na fachada principal e dous vans nas laterais á altura do faiado.

Veterinario do Mosteiro (Nogueira, Meis)

Desde o ano 2004 a veciñanza de Meis dispón por vez primeira dunha pequena oficina de correos. Instalouse no veterinario do Mosteiro, na zona do mercado de gando, antigo Campo da Feira. Na construción, de bloques prefabricados, volvemos a atopar a clásica arcada na fachada principal. Xunto aos ocos deste lenzo, porta e fiestra, posúe de maneira simétrica dous vans nas fachadas laterais, un deles cegados. A simetría só se rompe cun pequeno oco a carón da fiestra cegada.

Veterinario da Cañiza

Xunto á casa de peóns, na Cañiza tamén atopamos outra construción xenérica, neste caso para o tratamento do gando vacún. Está na carballeira do Cacharado, no centro do pobo, antigo campo da feira.

Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas, na fachada principal posúe o característico pórtico con triple arcada de medio punto.

Na actualidade é propiedade municipal e acolle a coñecida como “Tasca da Carballeira”, explotada mediante unha contrata nos meses de verán.

Casa de Peóns na Cañiza

Na Ponte de Aráns, nunha curva vella da estrada 531 da Cañiza, sitúase esta “Casilla de peones camineros”. A construción segue a mesma estrutura que o resto de casas vistas ata o momento: planta rectangular dunha soa altura, cuberta a dúas augas, cantaría, fachada con porta principal flanqueada por dúas fiestras, vans remarcados e cartel no lintel co nome. As únicas diferencias son que non posúe recebo nin cheminea, e que na parte posterior ten un engadido para gardar material e maquinaria.

Veterinario de Gondomar

Grazas ás redes sociais e á axuda de Google Street View descubrín unha nova construción en Gondomar que responde á tipoloxía dos “veterinarios”. Ademais, pola súa situación, nunha carballeira e antiga feira, encaixa con outras das obras xa vistas.

Na actualidade, este antigo centro de inseminación alberga a Oficina de Turismo do Concello de Gondomar. O edificio, no exterior, presenta unha tripla arcada a modo de pórtico. Neste sitúase a entrada e abrense dous vans, igual que nos laterais. Pola contra, na fachada posterior posúe un engadido, probablemente froito da restauración.

Á falta dunha visita a Gondomar, as fotos que aquí poño proceden da páxina de facebook da Oficina de Turismo.

Casa de Peóns de Sarandós (Abegondo)

Nunha pequena vía de apenas 5 quilómetros, a estrada AC-222, sitúase unha casa de legoeiros de Abegondo. O lugar aparece no topográfico denominado como “A Casilla”, topónimo que pode facer referencia a esta tipoloxía de vivendas-almacéns.

Construída en cachotaría e revestida salvo os marcos dos vans, está tellada a dúas augas con uralita. Nun dos lados da cuberta érguese unha cheminea de ladrillo, con restos de recebo. O estado de conservación non é bo, estando afectada por uns castiñeiros que se lle botan enriba.

Casa de Peóns en Acea de Ama (Culleredo)

Á altura do quilómetro 2 da estrada comarcal AC-211 érguese unha casa de peóns do concello de Culleredo. De planta cuadrangular e cunha superficie aproximada de 240 m2, repite o esquema construtivo doutras xa vistas. Así, na fachada principal só se abren tres vans nos que a pedra queda á vista. Como único elemento salientable, enriba da porta disponse unha lousa na que se pode ler “PEONES CAMINEROS”. En canto ás fachadas laterais, ábrense dous ocos en cada unha, un na planta e outro no baixo cuberta. Esta casa de Acea de Ama posúe un pequeno terreo ao redor, así como un engadido na fachada posterior.

Casa de Peóns de Ousoño (Barro – Noia)

No ano 2001 o Consello da Xunta aprobaba un decreto para desafectar a “Casilla” de Legoeiros de Ousoño e cedela ao Concello de Noia. Posteriormente, tras unha reforma na que se investiron preto de 60.000 €, converteuse no local social e cultural da AA. VV. Virxe do Carme. 

A casa repite o esquema construtivo doutras construcións de cantaría e planta baixa xa vistas, como a da Susana ou a da Barcia en Laraño, na mesma estrada comarcal. Cunha perfecta simetría, a fachada organízase a través de tres ocos: unha porta central e dúas fiestras. Cuberta a dúas augas con tella do país, nas esquinas do tellado dispóñense dúas cheminea.

Veterinario no Foxo (Ancorados – A Estrada)

O Centro de Inseminación do Foxo repite o mesmo esquema construtivo dos veterinarios xa vistos en Alfoz, Cervo e Portas. No mesmo estado de abandono que este último, o característico desta edificación é que conserva no lateral leste o topónimo castelanizado, xunto cos datos do Ministerio e da Dirección Xeral que a promoveron nos anos 60 do século XX. Resulta tamén significativa a súa situación, próxima á desaparecida báscula para o gando tan usada nas afamadas feiras do lugar, en decadencia desde mediados dos ’40.