Balcóns de miriñaque e rehabilitacións.

Miriñaque

O miriñaque ou crinolina era un ríxido refaixo que usaban as mulleres no século XIX para erguer e soster as saias. Nun primeiro momento eran de tea, pasando logo a facerse con aros de aceiro. En España, o seu uso xeneralizouse en época isabelina.

Para que as damas non engurraran as súas saias cando se asomaban a un balcón, os enreixados facíanse con forma curva, sendo coñecidos como “balcóns de miriñaque”. A moda fixo que o miriñaque fora reemprazado polo polisón, que só avultaba por detrás, polo que nos balcóns comezaron a predominar as formas rectas.

Polisón nun gravado de 1884

Este paso do miriñaque ao polisón que tamén se reflicte na arte do ferro pódenos axudar a datar as construcións nas que se atopan. Así, as edificacións con balcóns de miriñaque adoitan ser máis antigas que as que teñen balcóns rectos e, ademais, presentan motivos decorativos máis sinxelos.

No caso da Estrada, hai varias casas que serven como exemplo, todas na mesma zona: a de José Trigo na Farola, a de Calzados Arca en Serafín Pazo, a da farmacia de Pardo ao comezo da Calvo Sotelo ou a do médico Araújo na San Paio. Por desgraza, os balcóns de miriñaque orixinais da casa de Virxinia Pereira perdéronse despois da profunda reforma á que foi sometida.

Queda tamén unha casa no número 15 da rúa Ulla, próxima á Porta do Sol, na que acaban de iniciar o proceso de rehabilitación. Trátase dunha pequena construción de baixo e unha altura. Na planta inferior ábrense tres portas e na superior balcóns de miriñaque, quizais o elemento máis característico do conxunto.

En 1927, Benigno Porto e Manuel Gestoso fundaran no seu baixo a carpintaría “La Industrial” (na imaxe, anuncio de 1930 en “El Emigrado”). Dez anos despois, o local estivo ocupado pola reloxería de Manuel López Vilán.

Moitas das vivendas desta rúa seguen -ou seguían- o mesmo esquema construtivo. Pero só esta e a contigua conservan balcóns de miriñaque.

Vista da rúa Ulla coa casa de “La Industrial” á esquerda, en primeiro termo.

Cetaria de Rinlo (Ribadeo)

A Cetaria de Rinlo é unha das moitas que se atopa na costa norte. Construíuse a principios do século XX aproveitando unha pequena cala na Punta Corveira, fronte á Pena dos Corvos. Posúe muros de lousa e unha comporta de ferro para regular a entrada e saída da auga. Criábanse toda clase de mariscos para a súa comercialización, principalmente centola e langosta.
A promotora do negocio, cara a 1904, foi María Luísa Soto, veciña de Santa Marta de Ortigueira. Anos máis tarde sería mercada polo familia Pose, orixinaria de Malpica, e o rinlego José Vázquez Oroza (1910 – 1999). Un auténtico emprendedor da época, José chegaría a ter tres cetarias na zona. A última entraría en funcionamento en 1954 e tamén sería a derradeira en pechar, permanecendo aberta ata principios dos anos ’90.

Estación de bombeo de augas de Cañás (Carral)

Desde finais do século XIX existían en Carral unhas instalacións que formaban parte do sistema de traída de augas da cidade da Coruña. Por motivos de salubridade e hixiene, a estación de bombeo se amplía entre 1911 e 1915, e en 1922. Deste ano é o edificio principal, o da cubrición dos filtros, proxectado por Gonzalo Esteban Saavedra.

Xunto a esta construción, o conxunto ecléctico se completa coa casa do vixía e co pavillón de esterilización, finalizado en 1925.

O sistema de filtros bacteriolóxicos rápidos cubertos, aínda en funcionamento na actualidade, foi dos primeiros instalados en España.

Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia)

A Central Hidroeléctrica do río Tambre érguese na parroquia noiesa de Santa María de Roo, nun lugar no que os monxes cistercienses de San Xusto de Toxosoutos, dependentes de Sobrado, posuían no século XVI unhas pesqueiras para abastecerse de peixe fresco. A construción, iniciada en 1924 segundo o proxecto de Antonio Palacios, realízase grazas ao encargo da “Sociedad General Gallega de Electricidad”.

A “Sociedad General Gallega de Electricidad” creárase en Madrid o 21 de abril de 1900 cun capital social de dous millóns de pesetas co obxectivo de explotar os saltos de Segade (Caldas de Reis) e da Fervenza do Belelle (Fene). No ano 1930 fúndase coa “Fábrica Coruñesa de Gas y Electricidad”, e dous anos máis tarde nomean conselleiro a Pedro Barrié de la Maza. Anos despois, un 23 de agosto de 1943, Barrié crea “Fuerzas Eléctricas del Noroeste”, cun capital de vinte e cinco millóns de pesetas. Será a finais de 1955 cando a nova Fenosa absorba á “Sociedad General Gallega de Electricidad”.

A central, propiedade de Unión Fenosa, forma parte dun conxunto de edificacións entre as que destacan a Escola de Cornoás, a Cámara de Carga, a Casa do Xefe e a dos Mestres, todas estas destinadas na actualidade ao turismo rural. Todas as construcións baséanse nunha linguaxe historicista con fondo románico, destacando a arquitectura da propia central por asemellarse máis a un templo relixioso que a unha nave industrial.

Xuvia (Narón)

A finais do século XVIII instalouse na desembocadura do río Xuvia, na ría de Ferrol, unha fundición de cobre para abastecer ao Arsenal da Marina. A Real Fábrica Nacional de Cobrería producía planchas de cobre e, durante uns anos, funcionou tamén como fábrica de armas.

Desde 1811 a 1868, con algún período de escaso funcionamento, fabricou moedas xunto coa Casa de Moneda de Segovia. Tralo cese da actividade, a fábrica, por medio de poxa pública, pasa a mans de Francisco de Barcón Quevedo, quen instala unha industria de tecidos.

Moeda aparecida nunha aldea da Estrada nos anos ‘8O do século XX. Polo ano que
aparece inscrito na mesma, 1846, poderíamos afirmar que se trata dunha moeda de
oito maravedís de cobre fundidos na Ceca de Xuvia, durante o reinado de Isabel II.

Pero en Xuvia tamén é de salientar a existencia dun muíño de mareas construído cara a 1775 polos empresarios de orixe francesa Juan Lestache e Francisco Bucau.

O alto rendimento que tivo o Muíño das Aceas, permitíu abastecer de fariña á comarca de ferrol, ademais de exportar os excedentes. En 1858 era o principal muíño en capacidade de producción na súa clase no país, recibindo o trigo do Báltico, América ou Santander.

Altos Fornos da Pontenova


A finais do século XIX, unha empresa vasca interesouse polas explotacións mineiras de limonita do norte de Lugo. Trala constitución da Sociedade Mineira de Vilaoudriz e a adquisición dos terreos, en 1902 constrúese o primeiro alto forno, con ladrillos procedentes da Real Fábrica de Sargadelos (Cervo), erixindo posteriormente o resto. Ao ano seguinte inaugúrose a liña de ferrocarril que transportaba a Ribadeo os minerais de Vilaoudriz, habilitándose dous anos máis tarde un servizo para o transporte de viaxeiros/as. A explotación mineira clausúrase en 1964 e con ela a liña férrea, conservándose os altos fornos como símbolo industrial da Pontenova.

O tren percorría un tramo de 34 quilómetros paralelo a río Eo, coa primeira estación situada na Pontenova (hoxe oficina de turismo). Logo paraba en San Tirso de Abres, Porto e Ribadeo, ademais dos apeadeiros do Cairo, Eo, Abres e Porto.

Este traxecto convertiuse recentemente nunha ruta de sendeirismo, a Vía Verde do Eo, coa súa superficie en terra por Asturias e con asfalto por territorio galego.

Notas sobre o topónimo Vilaoudriz. A principios do século XIX o actual termo municipal da Pontenova aparecía dividido en tres concellos: Conforto, Miranda y Vilameá, pasando a ser dous a partir de 1845: Vilaoudriz e Vilameá. Este último mudou o seu nome en 1950 polo de Ponte Nova, aprobándose a fusión de Vilaoudriz e A Ponte Nova en 1963, e pasando a denominarse Ponte Nova-Vilaoudriz. Porén, en 1979 acórdase a denominación actual de A Pontenova. Hoxe, o Sagrado Corazón da Pontenova e Santiago de Vilaoudriz son dúas das once parroquias coas que conta o concello.