Casa de Peóns na Barcia (Laraño – Santiago)

No punto quilométrico 1 da AC-543 Santiago – Noia érguese, na marxe dereita, unha casa de peóns camiñeiros. Trátase dunha pequena construción de cantaría de planta baixa e cuberta a dúas augas. A fachada organízase a través de tres vans: unha porta flanqueada por dúas fiestras. No tellado álzanse simetricamente dúas chemineas nas esquinas. O esquema é semellante á casa da Susana e á que veremos de Noia. Ademais, ao igual que a da Susana, aínda está en uso.

Veterinario en Cervo


Na Mariña Lucense atopamos outro centro veterinario semellante ao de Alfoz. A construción posúe planta cuadrangular e está cuberta a dúas augas. O máis salientable desta tipoloxía é o pórtico da fachada principal, composto por tres arcos de medio punto no frente e un no lateral.

Casa dos Peóns na Gándara (ou na Susana)


Na mesma estrada N550 na que estaba a casa dos péons de Vedra, e a pouco máis de 6 quilómetros dirección Santiago, atópase outra construción da mesma tipoloxía. Érguese nunha encrucillada entre dita nacional e a comarcal 8203, na Gándara. Sitúase nos lindes de Sergude (Boqueixón) e San Fins de Sales (Vedra) con Marrozos (Santiago de Compostela), polo que popularmente, por mor da sinalización vertical de indicación de lugar, pénsase que aínda é A Susana.


Detalle da portada e unha vista da casa co Pico Sacro ao fondo

A edificación, de planta cuadrangular, consta de baixo é esta cuberta a dúas augas. A diferencia das outras casas de peóns vistas, neste caso érguense dúas chemineas a cada lado do tellado. Ademais, aínda está en uso como Centro de Conservación e Explotación de Estradas do Ministerio de Fomento.

Casa dos Peóns de Vedra

A antiga casa de peóns camiñeiros do concello coruñés de Vedra sitúase nunha encrucillada no punto quilométrico 326 da estrada nacional 525. Está no lugar de Picón, parroquia de San Pedro de Vilanova, e na actualidade dedícase, igual que a de Allariz, a oficina municpal de turismo.


Trátase dunha construción de planta baixa, con cuberta a dúas augas. Na fachada principal a porta de entrada flanqueada por dúas fiestras, esquema repetido na traseira, a cal se abre a un patio pechado.

Veterinario de Alfoz

Entre os anos 50 e 60 do século XX, o Minsiterio de Agricultura, a través da Dirección Xeral de Gandeiría, promove a creación de Centros Secundarios de Inseminación Artificial Gandeira. Os edificios que veremos en vindeiras entradas son como o de Alfoz, polo que supoñemos que este tivo a mesma finalidade.

Casa dos Peóns Camiñeiros de Allariz

Na ourensana vila de Allariz atopamos á beira do río Arnoia, antes da ponte, unha pequena construción de pedra. Trátase dunha antiga casa de peóns camiñeiros, situada na estrada OU-320, moi similar a outras que veremos. No presente caso, trátase dunha construción de cantaría de dúas alturas e cuberta a dúas augas. Malia que é de pequenas dimensións, os dous pisos poden significar que a casa, ademais de servir para gardar o material dos camiñeiros, funcionaba como vivenda. Na actualidade está dedicada a Oficina Municpal de Turismo.

Estación de bombeo de augas de Cañás (Carral)

Desde finais do século XIX existían en Carral unhas instalacións que formaban parte do sistema de traída de augas da cidade da Coruña. Por motivos de salubridade e hixiene, a estación de bombeo se amplía entre 1911 e 1915, e en 1922. Deste ano é o edificio principal, o da cubrición dos filtros, proxectado por Gonzalo Esteban Saavedra.

Xunto a esta construción, o conxunto ecléctico se completa coa casa do vixía e co pavillón de esterilización, finalizado en 1925.

O sistema de filtros bacteriolóxicos rápidos cubertos, aínda en funcionamento na actualidade, foi dos primeiros instalados en España.

Baños de Cortegada (Cortegada – Ou)

O balneario de Baños de Cortegada fúndase en 1937 no sur da comarca ourensá do Ribeiro. O edificio, de estilo ecléctico, situábase nun alto promontorio sobre o río Miño. Sen embargo, trala construción do Encoro de Frieira na década dos 60, a casa de baños quedou á mesma altura que a presa. A burga, rica en xofre e ferro, chega a acadar temperaturas de ata 40º.