A Capela de San Marcos de Noia

Nunha das miñas visitas ao “restauro”, o Servizo de Arqueoloxía da Xunta, localicei a fichas dos restos dunha capela en Noia dedicada a San Marcos. Situábanse nun monte da parroquia de Santa Cristina de Barro, próximos ao antigo camiño que ía a Santiago. Daquela só vira varias imaxes no blog de Rafael Gª Guerrero. Pero agora por fin fixen por ir a vela. E atopeina!

Vista dos restos ao final do camiño Restos ocultos pola maleza

Para falar da capela é preciso facelo antes da tradicional Feira de San Marcos, cuxas orixes se remontan ao século XVI. Segundo recolle o historiador Pedro García Vidal, en 1578 solicitan ao rei Felipe II establecer unha feira no concello porque “al rededor y comarca de la dicha villa no hay ni se hace feria ni mercado común en todo el año“. Este mercado anual de gando cabalar facíase no Monte de San Marcos de Barro, xunto a unha capela baixo a mesma advocación. A súa situación a beira do camiño que se diríxia a Santiago fixo dela unha romaría moi concorrida. E por mor desa situación tamén hai constancia da súa existencia a raíz da viaxe que realiza a Padrón o pai Sarmiento en novembro de 1754, quen tras durmir na casa do cura de Santa Cristina pasa pola Canle e pola Hermita de San Marco.

No século XIX construirase unha nova vía de comunicación coa capital da provincia, polo que o día 11 de marzo de 1856, a feira trasládase ao Campo de San Francisco da vila de Noia. A decisión dos poderes públicos xustificábase en que, por unha banda, xa non se transitaba polo vello e pésimo camiño que pasaba pola beira da capela onde se facía o mercado e, por outro lado, porque tiña un difícil acceso a situarse no cumio do monte e estar totalmente desabrigada, sen a protección de ningunha árbore. A corporación acorda ademais que, xunto a este encontro ordinario, tivera lugar outro o primeiro domingo do mes no Campo da Feira co obxecto de fomentar o desenvolvemento económico.

Día de Feira (Arquivo de Reino de Galicia) Día de mercado en Noia (imaxe de barbantia.es)
O cambio de situación da feira ao centro da vila hai 160 anos puido ser un dos condicionantes que provocaron o abandono e posterior derrubamento da Capela de San Marcos. Unha construción que segundo se recolle en La Ilustración Gallega, en 1880 xa estaba derruída. Alén diso, na actualidade aínda se poden albiscar restos ocultos entre a maleza. Consérvase partes dos seus muros de cachotaría orientados ao leste, ao norte e ao sur, perdéndose por completo a fachada principal e a cuberta.

A Capela de San Marcos está recollida no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia co código GA15057014. Para chegar a ela, pódese coller un camiño á altura da fábrica de Simaplast desde a estrada comarcal AC-543 que une Noia con Santiago.
A Feira de San Marcos segue a celebrarse cada 25 de abril.

Casa de Peóns na Roibeira (Oza dos Ríos)

 
Na saída de Betanzos cara a Oza dos Ríos, no quilómetro número 2 da comarcal 840, atópase esta casa de “Peones Camineros”.
Construída en cachotaría, a cantaría resérvase para o enmarque dos vans e os esquinais.
A estrutura é a mesma do resto xa vistas, destacando os tornachoivas das fiestras das fachadas laterais, a cheminea e a lousa de enriba da porta co nome.

Casa de Peóns nas Neves (A Capela)

Na capital do concello da Capela, nas Neves, hai unha casa de peóns que daba servizo á estrada comarcal 564. Sitúase no extremo do pobo, na entrada oeste desde Cabanas.

Con planta cuadrangular e cuberta, recentemente restaurada, a dúas augas, posúe planta baixa e unha altura a modo de rocho. A distribución dos ocos realízase de maneira simétrica, do mesmo xeito que nos demais exemplos vistos desta tipoloxía: porta flanqueada por dúas fiestras alongadas na fachada principal e dous vans nas laterais á altura do faiado.

Faro da Illa Pancha (Ribadeo)

Na Mariña Lucense, seguindo a costa de Ribadeo, atopamos a fermosa e pequena “Illa Pancha”. Cunha extensión aproximada dunha hectárea, está unida á terra por unha pequena ponte e nela hai dous faros.
As orixes do primeiro remóntase ao ano 1857, cando o 31 de maio saen a poxa pública cun orzamento de 47.513,86 reais as obras do mesmo. A edificación posúe planta cuadrangular e ten uns 128 metros cadrados de superficie. No centro da cuberta, a catro augas, érguese a torre que soporta a lanterna.
En 1980 constrúese nas inmediacións o segundo faro, con maior alcalce, quedando o antigo edificio para albergar grupos electróxenos de emerxencia e a vivenda do técnico. Nesta época, ademais, tírase a ponte de madeira e ferro que unía á illa con terra e faise a actual, de formigón.
Máis info

Cetaria de Rinlo (Ribadeo)

A Cetaria de Rinlo é unha das moitas que se atopa na costa norte. Construíuse a principios do século XX aproveitando unha pequena cala na Punta Corveira, fronte á Pena dos Corvos. Posúe muros de lousa e unha comporta de ferro para regular a entrada e saída da auga. Criábanse toda clase de mariscos para a súa comercialización, principalmente centola e langosta.
A promotora do negocio, cara a 1904, foi María Luísa Soto, veciña de Santa Marta de Ortigueira. Anos máis tarde sería mercada polo familia Pose, orixinaria de Malpica, e o rinlego José Vázquez Oroza (1910 – 1999). Un auténtico emprendedor da época, José chegaría a ter tres cetarias na zona. A última entraría en funcionamento en 1954 e tamén sería a derradeira en pechar, permanecendo aberta ata principios dos anos ’90.

Casa dos Tenreiro (Pontedeume)

  Circulando pola autoestrada Betanzos-Ferrol, á altura do concello de Pontedeume, chama a atención unha fermosa edificación que se entrevé a man dereita. Trátase da coñecida como “Casa Magdalena” ou, máis recentemente, como “de la linterna”, a raíz dunha novela publicada por Carlos de Castro Álvarez, profesor afincado na vila do Eume. Sitúase no lugar de Esteiro, na parroquia de Nogueirosa, á beira da estrada que leva cara as Fragas do Eume.
A casa foi mandada construír nos anos ’70 do século XIX pola familia Tenreiro Rodríguez, empresarios de Pontedeume. Presenta planta cuadrangular con tres alturas e baixo cuberta a catro augas cun lucernario no centro. Na fachada posterior, os vans da planta inferior semellan ser de medio punto, mentres que no primeiro e segundo piso ábrense portas de aire cunha distribución simétrica.

Pola contra, a fachada principal, na que se abre a porta de entrada flanqueada por pequenos vans, posúe menor altura e remátase cunha pequena campá. En canto ao interior, este organízase ao redor da escaleira que conduce á torre-miradoiro.

 No ano 1924, un dos propietarios do inmoble, o arquitecto Antonio Tenreiro, atopou no contorno da finca o coñecido como “Cudrifaz de Pontedeume” ou “Hermes Celta“. O achádego produciuse a raíz dunhas obras de desmonte para construír a estrada. Pero o inmoble agocha moi máis secretos no seu xardín. Un amplo espazo verde con mananciais, estanques, fontes e destacadas especies que constitúe un gran parque botánico. Entre todas as árbores son de salientar un teixo centenario e unha araucaria excelsa.

Tampa da Cova da Moura (Noia)

A Couva da Moura é unha anta situada na parroquia noiesa de Argalo. A estrutura megalítica componse de sete esteos na cámara e dous no corredor. Así, pertencería ao grupo de dolmens de cámara poligonal con tendencia circular, corredor curto e entrada estreita.

Cova da Moura (Argalo)

No verán de 1980 foi obxecto dunha intervención arqueolóxica dirixida por Carlos García Martínez. Nela atopáronse máis dunha ducia de puntas de frecha, machados, cerámica e mesmo un coitelo de sílex. Porén, xa naquela década non posuía a lousa cobertoira. Unha tampa sobre a que Murguía tiña dito que se atopaba nun lugar próximo. E curiosamente, a menos dun quilómetro podemos ver unha pedra chantada na entrada do CEIP Felipe de Castro da que a veciñanza afirma que se trata da tapa do tamén coñecido como Dolmen de Argalo.

Posible tampa da anta nun colexio próximo

Para máis información ver: AGRAFOXO PÉREZ, Xerardo: “Prehistoria e arqueoloxía da terra da Barbanza”. Noia 1986.

Casa de Peóns de Sarandós (Abegondo)

Nunha pequena vía de apenas 5 quilómetros, a estrada AC-222, sitúase unha casa de legoeiros de Abegondo. O lugar aparece no topográfico denominado como “A Casilla”, topónimo que pode facer referencia a esta tipoloxía de vivendas-almacéns.

Construída en cachotaría e revestida salvo os marcos dos vans, está tellada a dúas augas con uralita. Nun dos lados da cuberta érguese unha cheminea de ladrillo, con restos de recebo. O estado de conservación non é bo, estando afectada por uns castiñeiros que se lle botan enriba.

Casa de Peóns en Acea de Ama (Culleredo)

Á altura do quilómetro 2 da estrada comarcal AC-211 érguese unha casa de peóns do concello de Culleredo. De planta cuadrangular e cunha superficie aproximada de 240 m2, repite o esquema construtivo doutras xa vistas. Así, na fachada principal só se abren tres vans nos que a pedra queda á vista. Como único elemento salientable, enriba da porta disponse unha lousa na que se pode ler “PEONES CAMINEROS”. En canto ás fachadas laterais, ábrense dous ocos en cada unha, un na planta e outro no baixo cuberta. Esta casa de Acea de Ama posúe un pequeno terreo ao redor, así como un engadido na fachada posterior.

Casa de Peóns de Ousoño (Barro – Noia)

No ano 2001 o Consello da Xunta aprobaba un decreto para desafectar a “Casilla” de Legoeiros de Ousoño e cedela ao Concello de Noia. Posteriormente, tras unha reforma na que se investiron preto de 60.000 €, converteuse no local social e cultural da AA. VV. Virxe do Carme. 

A casa repite o esquema construtivo doutras construcións de cantaría e planta baixa xa vistas, como a da Susana ou a da Barcia en Laraño, na mesma estrada comarcal. Cunha perfecta simetría, a fachada organízase a través de tres ocos: unha porta central e dúas fiestras. Cuberta a dúas augas con tella do país, nas esquinas do tellado dispóñense dúas cheminea.