Noites Abertas 2019

Noites Abertas é un programa de ocio nocturno do Concello de Pontevedra que nesta edición de 2019 chega ao seu XX aniversario. Un proxecto que a pasada primavera obtivo o recoñecemento como “Boa práctica de xestión cultural” por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña.

Desde o día 25 de xaneiro e ata o 6 de abril desenvolveranse un total de 96 actividades para mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Un amplo abano de actividades culturais, literarias, de lingua, musicais, deportivas, obradoiros de manualidades, talleres de cociña, teatro feminista, programación de videoxogos ou xincanas.

Cartel da actividade

Entre elas, e por cuarto ano consecutivo, o venres 22 de marzo estarei no cemiterio municipal de San Amaro con “Noite no Camposanto”. Un paseo para poñer en valor unha parte do patrimonio cultural da cidade do Lérez e observar pequenos detalles máis visibles na noite. En definitiva, un percorrido histórico-artístico á luz das lanternas sen interromper o ambiente diario do recinto funerario.

A actividade precisa inscrición previa a través da web noitesabertas.gal. Xunto coa lanterna, tamén recomendamos levar roupa de abrigo e calzado cómodo. As persoas menores de idade deberán de ir acompañadas.

Festival Atlántica 2019

Traballo no eido do patrimonio cultural, e estiven no Museo de Pontevedra, no MARCO de Vigo e en Etnoga, empresa que cofundei en 2005. Teño especial devoción polo acervo industrial e polo funerario, moitas veces esquecidos… Investiguei con profundidade a historia e o catálogo da fundición Pazó e tamén algúns cemiterios, como os declarados BIC, o de San Amaro de Pontevedra e o de Boisaca. Non narro historias, pero conto a historia (sobre todo da arte!). E igual por iso este ano me convidaron a participar no Festival Internacional de Narración Oral “Atlántica“, para contar historias de camposantos.

Cartaz

Houbo un tempo no que os cemiterios foron relegados a un segundo plano en favor das igrexas. Un tempo no que en Compostela, por exemplo, o “santo sitio” da Quintana andou exposto a toda clase de inmundicias, sendo profanado día e noite coa negociación de compras e vendas, algunhas veces con quimeras, coiteladas, efusión de sangue, actos indecentes, monicreques… un lugar franco a todo xénero de persoas e animais. Pero, que pasaba no resto de camposantos? Cales houbo antes de Boisaca? Pois o venres 15 de marzo contareino a partir das 18 horas en “Morte en Compostela”. Un espectáculo de rúa que nos levará por diferentes escenarios, antigos recintos funerarios da cidade intra e extra muros.

Balcóns de miriñaque e rehabilitacións.

Miriñaque

O miriñaque ou crinolina era un ríxido refaixo que usaban as mulleres no século XIX para erguer e soster as saias. Nun primeiro momento eran de tea, pasando logo a facerse con aros de aceiro. En España, o seu uso xeneralizouse en época isabelina.

Para que as damas non engurraran as súas saias cando se asomaban a un balcón, os enreixados facíanse con forma curva, sendo coñecidos como “balcóns de miriñaque”. A moda fixo que o miriñaque fora reemprazado polo polisón, que só avultaba por detrás, polo que nos balcóns comezaron a predominar as formas rectas.

Polisón nun gravado de 1884

Este paso do miriñaque ao polisón que tamén se reflicte na arte do ferro pódenos axudar a datar as construcións nas que se atopan. Así, as edificacións con balcóns de miriñaque adoitan ser máis antigas que as que teñen balcóns rectos e, ademais, presentan motivos decorativos máis sinxelos.

No caso da Estrada, hai varias casas que serven como exemplo, todas na mesma zona: a de José Trigo na Farola, a de Calzados Arca en Serafín Pazo, a da farmacia de Pardo ao comezo da Calvo Sotelo ou a do médico Araújo na San Paio. Por desgraza, os balcóns de miriñaque orixinais da casa de Virxinia Pereira perdéronse despois da profunda reforma á que foi sometida.

Queda tamén unha casa no número 15 da rúa Ulla, próxima á Porta do Sol, na que acaban de iniciar o proceso de rehabilitación. Trátase dunha pequena construción de baixo e unha altura. Na planta inferior ábrense tres portas e na superior balcóns de miriñaque, quizais o elemento máis característico do conxunto.

En 1927, Benigno Porto e Manuel Gestoso fundaran no seu baixo a carpintaría “La Industrial” (na imaxe, anuncio de 1930 en “El Emigrado”). Dez anos despois, o local estivo ocupado pola reloxería de Manuel López Vilán.

Moitas das vivendas desta rúa seguen -ou seguían- o mesmo esquema construtivo. Pero só esta e a contigua conservan balcóns de miriñaque.

Vista da rúa Ulla coa casa de “La Industrial” á esquerda, en primeiro termo.

Patrimonio desprotexido, patrimonio perdido.

Nunha vila cunha historia tan recente como a da Estrada é un luxo que se conserven casas do primeiro cuarto do século XX e incluso de finais do XIX. Moitas están diseminadas entre grandes moles, aínda que hai varias conxuntos de interese en rúas como a San Paio e a Calvo Sotelo-Ulla. Son vivendas unifamiliares que naceron a carón dunha importante vía de comunicación, neste caso a de Santiago e a de Carril – Pontevedra.

Cun largo de entre dous e catro vans, sobresaen as casas de planta baixa cunha ou dúas alturas e ventás de aire, balcóns ou galerías. Era frecuente que o baixo se destinase a local comercial e que tiveran unha pequena horta na parte traseira.

Entre as máis antigas das que se coñece a data están a de José Trigo (Silva Paramá), de 1876 e ampliada un século despois, na esquina da praza da Farola coa rúa Peregrina; a da familia de Virxinia Pereira, en cuxo baixo estivo a ferretaría Parrondo, de 1889 aínda que con permiso municipal de 1905, hoxe totalmente reformada; ou a da casa de comidas Modesto que antes albergara a mítica pensión de Mato, onde durmía Castelao nas súas visitas á Estrada, no número 11 da rúa San Paio. Malia ser de 1890 e destacar por non ter sido mal reformada nin ampliada, o seu estado de abandono é preocupante.

Por desgraza, cada día son máis as casas que se ven deshabitadas, e en venda, no centro da vila. Casas que van esmorecendo e que logo se declaran en ruína. Un mal, o da da declaración de ruína -en moitas ocasións buscado- ao que neste concello habería que engadir o do pésimo e deficiente catálogo do PXOM.


Nº 27 de Calvo Sotelo en 2008

Así, por unha banda, poderiamos falar das casas que están inventariadas pero ás que se lle permite facerlle “de todo”, sempre que conserven a fachada. Entre as obras permitidas incluso está a adición de plantas! É o caso, por exemplo, do que pretenden facer no edificio do antigo instituto da rúa Serafín Pazo.

Por outro lado están as casas que, aínda que merecedoras de ser recollidas en dito catálogo, milagrosamente non o están, polo que se poden tirar na súa totalidade e non pasa nada, sexan ou non “históricas”. E isto pode que sexa o que lle aconteza nas próximas semanas á do número 27 da rúa Calvo Sotelo (antes 20 da rúa de Riestra), onde ata hai pouco tempo estivo a librería Faro.

A casa pertenceu a Carmiña Brea e, segundo unha pequena placa de mármore que hai na fachada, data de 1888. Trátase dunha construción de planta baixa e dúas alturas que perdeu a carpintaría de madeira por unha de aluminio pero que conserva os trazos da arquitectura de finais do XIX dunha vila nacente como A Estrada.

Anuncio en “El Emigrado” (1932)

En tempos, o seu baixo acolleu a ferretería “El Candado”, de Serafín Brea, e tamén serviu como almacén de bombonas de butano de Bastida.

A rúa na que se sitúa a casa data de mediados do século XIX e é o eixo vertebrador da vila. De aí que ata finais do século XIX fora coñecida como rúa Principal, á que lle seguiron os nomes de ‘Marqués de Riestra’, ‘Manuel Porto Verdura’ e, desde 1937, “Calvo Sotelo”, denominación que incomprensiblemente pervive na actualidade.

Cartel da rúa Calvo Sotelo en 2019

Unha mágoa que a memoria viva dunha vila, visible nas súas construcións, sega a perderse en pleno século XXI por falta de sensibilidade e de protección.

A Alameda da Estrada

O concello con plantas diante

A finais do século XIX, en moitas vilas e cidades galegas construíronse alamedas como unha das medidas adoptadas dentro de políticas hixienistas. Pulmóns verdes para o ocio e o lecer dotados con bancos, palcos para a banda de música e fontes.

No caso da Estrada, a alameda comeza a xurdir despois de 1916, cando se axardinan zonas do contorno do consistorio recén inaugurado. Nun primeiro momento, e seguindo a Arca Caldas, plantáronse diversas especies na praza da fachada principal, sobre todo acacias, nun xardín que seguía ata a liña da rúa Justo Martínez. Despois de 1925, en plena febre do verme da seda, realizouse unha plantación de moreiras na parte posterior do edificio. Anos máis tarde proxéctase a construción do parque como tal, trasladando ao lado norte do concello os parterres que había diante e instalando o palco da música.

Paseo central

En xuño de 1953, nun especial sobre as festas publicado en ‘El Pueblo Gallego’, o fiscal municipal Francisco Luaces Gil escribiu unha crónica de opinión sobre os xardíns municipais. Nela expresaba que o pobo podía, e debía, aspirar a un parque máis grandioso e superior ao actual.

Pouco tempo despois parece que esa “superioridade” se conseguiu, pois na ortofoto do voo americano de 1956 xa se observa que o aspecto e tamaño que ocupaba nesa época era similar ao que tivo ata hai unhas semanas.

Estanque

Unha das primeiras intervecións que se acometeron na alameda foi en 1962 e consistiu no cambio dalgunhas das árbores máis vellas por outras de sombra , así como no adecentamento do quiosco-bar, da paxareira e das farolas. Como curiosidade, na nova na que se recolle esta información tamén se sinalaba que acababan de plantar un cento de plátanos no Estadio Municipal, recinto que na actualidade tampouco se conserva.

Aínda que eu non me criei na vila, lembro como co paso dos anos foi cambiando o seu aspecto. E ben seguro que ninguén esquece as gaiolas do peche ou o estanque de ocas e parrulos.

Agora veñen tempos novos. E para facer un pouco de memoria, estamos a subir ás redes sociais fotos da alameda e da praza do concello coa etiqueta #alamedadaestrada. Se subides algunha imaxe e tedes o voso perfil privado, podedes poñela pública para que chegue a máis xente. Tamén estaría ben aportar toda a información que saibamos: data, autoría, persoas que saen (se saen)… E que bonito facer unha exposición como a que se fixo en Pontevedra das Palmeiras!

[As primeiras imaxes son do fondo fotográfico do Museo do Pobo Estradense “Manuel Reimóndez Portela”, da colección Terita Varela e Lolo Casagrande. As dúas últimas -entrada e peche lateral- son do meu pai, Ramiro Sánchez García, de finais dos anos 80].

José María Pena, empresario estradense fusilado

jose_maria_pena

Jose María Pena

O 5 de xuño de 1937 fusilaban en Pontevedra a José María Pena López, presidente da Fronte Popular da Estrada e destacado empresario. Nado en Tabeirós en 1879, foi representante da axencia FORD, empregado-cuidador dun surtidor de gasolina de C.A.M.P.S.A., propietario dun garaxe con stok de accesorios para automóbiles e tamén dunha fábrica lixivias e bebidas.

En “El Águila Estradense”, como se chamaba a fábrica de bebidas, ademais de gasosas elaboraba sifóns, sidra, cervexas, viños espumosos e varias clases de refrescos, entre eles o “Pic-Nic”, moi popular no pobo nos anos 30. 

villa_estradense

Villa Estradense

A factoría, con maquinaria mercada en Madrid e Barcelona, instalouna polo ano 1927 na rúa San Paio a carón da fermosa casa eclecticista que acababa de construír, a “Villa Estradense”. Unha edificación na que destacaban as aguias que se erguían no remate da cuberta e que, segundo o testemuño dun dos seus netos, tiñan como ollos os boliches das vellas botellas.

No tocante á súa actividade política, en 1936 foi elixido presidente da Fronte Popular, feito que acabaría por poñelo diante do pelotón de fusilamento. Como sinala o investigador Xoán Carlos Garrido, condenado a morte por ‘marxista’, achou consolo relixioso pero non a salvación da súa vida. Recluído na prisión de Pontevedra, foi executado ás 6 da mañá do 5 de xuño no quilómetro 1 da pontevedresa Avenida de Buenos Aires xunto a outros cinco mártires estradenses. Así se recollía a nova no xornal “El Compostelano”:

En Pontevedra fueron pasados por las armas, en virtud de sentencia dictada por Consejo de guerra, los paisanos Jesús Puente Fontanes, Ramón Fernández Rico, José Rodríguez Sanjiao, Cándido Tafalla Frois, Manuel Nogueira González y José María Pena López, el primero ex-alcalde de La Estrada y vecinos los demás de dicha villa. [1]

En xaneiro de 1938, a Comisión de Incautación de Bens da provincia de Pontevedra manda instruír expediente de responsabilidade civil contra José María e outros sete veciños de Cuntis, séndolles confiscados todos os bens. A partir deste momento, a familia de Pena preitearía e pagaría numerosas sancións por “responsabilidades políticas” para recuperar parte das súas propiedades como a casa que, en definitiva, case teñen que volver a mercar.

A principios dos anos 50, os herdeiros de José María venden os inmobles a un industrial catalán, Salvador Cusidó Franco, quen instalará na fábrica unha manufactura téxtil. Con este negocio e cos novos propietarios, a memoria de José María quedaría inxustamente relegada a un segundo plano. E máis aínda cando nos anos 80 se tira o conxunto de edificacións e se constrúe un bloque de vivendas. Deste xeito, a Villa Estradense ficará só no recordo da veciñanza, pero farao como a casa dos cataláns ou dos Cusidó, esquecendo así a memoria do seu promotor fusilado.

soar_coesco

Edificios actuais no soar da Villa Estradense

[1] Jesús, natural de Guimarei, era xastre; Ramón, natural de Vilasantar e veciño de Riobó, foi ebanista e tenente de alcalde; José, da Estrada, foi chapista e concelleiro; Cándido, natural de Vila de Cruces, foi soado futbolista e administrador dun hotel; e Manuel, natural de Teo, foi empresario carroceiro.

Imaxes e máis información do portal http://www.tabeirosmontes.com/

Agradecementos a José Manuel Pena

A Capela de San Marcos de Noia

Nunha das miñas visitas ao “restauro”, o Servizo de Arqueoloxía da Xunta, localicei a fichas dos restos dunha capela en Noia dedicada a San Marcos. Situábanse nun monte da parroquia de Santa Cristina de Barro, próximos ao antigo camiño que ía a Santiago. Daquela só vira varias imaxes no blog de Rafael Gª Guerrero. Pero agora por fin fixen por ir a vela. E atopeina!

Vista dos restos ao final do camiño Restos ocultos pola maleza

Para falar da capela é preciso facelo antes da tradicional Feira de San Marcos, cuxas orixes se remontan ao século XVI. Segundo recolle o historiador Pedro García Vidal, en 1578 solicitan ao rei Felipe II establecer unha feira no concello porque “al rededor y comarca de la dicha villa no hay ni se hace feria ni mercado común en todo el año“. Este mercado anual de gando cabalar facíase no Monte de San Marcos de Barro, xunto a unha capela baixo a mesma advocación. A súa situación a beira do camiño que se diríxia a Santiago fixo dela unha romaría moi concorrida. E por mor desa situación tamén hai constancia da súa existencia a raíz da viaxe que realiza a Padrón o pai Sarmiento en novembro de 1754, quen tras durmir na casa do cura de Santa Cristina pasa pola Canle e pola Hermita de San Marco.

No século XIX construirase unha nova vía de comunicación coa capital da provincia, polo que o día 11 de marzo de 1856, a feira trasládase ao Campo de San Francisco da vila de Noia. A decisión dos poderes públicos xustificábase en que, por unha banda, xa non se transitaba polo vello e pésimo camiño que pasaba pola beira da capela onde se facía o mercado e, por outro lado, porque tiña un difícil acceso a situarse no cumio do monte e estar totalmente desabrigada, sen a protección de ningunha árbore. A corporación acorda ademais que, xunto a este encontro ordinario, tivera lugar outro o primeiro domingo do mes no Campo da Feira co obxecto de fomentar o desenvolvemento económico.

Día de Feira (Arquivo de Reino de Galicia) Día de mercado en Noia (imaxe de barbantia.es)
O cambio de situación da feira ao centro da vila hai 160 anos puido ser un dos condicionantes que provocaron o abandono e posterior derrubamento da Capela de San Marcos. Unha construción que segundo se recolle en La Ilustración Gallega, en 1880 xa estaba derruída. Alén diso, na actualidade aínda se poden albiscar restos ocultos entre a maleza. Consérvase partes dos seus muros de cachotaría orientados ao leste, ao norte e ao sur, perdéndose por completo a fachada principal e a cuberta.

A Capela de San Marcos está recollida no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia co código GA15057014. Para chegar a ela, pódese coller un camiño á altura da fábrica de Simaplast desde a estrada comarcal AC-543 que une Noia con Santiago.
A Feira de San Marcos segue a celebrarse cada 25 de abril.

Edificio da antiga biblioteca da Estrada

O edificio da antiga biblioteca da Estrada sitúase na rúa Serafín Pazo, entre as prazas do concello e da farola. Unha rúa definida por Olimpio Arca como a da cultura estradense polos usos que, como veremos, chegou a ter esta construción, aínda que pouco a pouco foise convertendo na rúa da incultura por mor dun urbanismo sen control.

O promotor e construtor da obra foi José Sanmartín Constenla, natural da parroquia da Somoza. Malia non conservarse o proxecto da mesma, segundo unha inscrición situada nunha das portas dataría de 1931. O edificio foi concibido para vivendas do propietario e familia. Porén, o primeiro uso coñecido sería o de instituto de ensinanza media trala sinatura dun contrato de aluguer en 1933 co concello por 4000 pesetas anuais. Tempo máis tarde pasaría a ser o colexio autorizado Inmaculada Concepción.

Desde finais dos anos 50 e ata os 70, o concello volve a alugar o inmoble, primeiro para biblioteca e logo para aloxar as dependencias municipais mentres se reformaba a casa consistorial. Posteriormente, comezaría a súa andaina como escola de Formación Profesional, acollendo despois novamente as instalacións da biblioteca pública municipal. Con todo, en xaneiro de 1988, a prensa facía eco do lamentable estado no que se atopaba o local destinado a biblioteca, insistindo na necesidade de atopar un mellor.

Tralo traslado da biblioteca á casa da cultura, o inmoble cae no esquecemento ata o 2003. Neste ano, unha empresa inmobiliaria solicitaría licenza para a construción dun bloque de vivendas. Un proxecto que, afortunadamente, se paralizou debido á falta do planeamento urbanístico e á suspensión de licenzas urbanísticas. Porén, nestes días volveu aparecer a noticia na prensa. Así, a construtora local Bamarti construirá un edificio de 26 vivendas. Ao parecer, respectará a fachada histórica, aínda que ampliando o número de plantas. Un feito ben triste para o patrimonio urbano estradense que non implica outra cousas que a perda definitiva do ben ecléctico.

Análise formal

Trátase dunha edificación de planta cuadrangular que consta de baixo e unha altura. Construída en cantaría e formigón, posúe cuberta a dúas augas con tella plana. A fachada principal organízase a través de tres rúas, seguindo as laterais a mesma disposición simétrica.

Na planta baixa, dúas portas flanquean un gran van central. Enriba deste, na primeira planta, ábrese un balcón con varanda de formigón, mentres que aos lados se atopan dúas portas de aire. A particularidade destas xorde ao dispoñer dunha plataforma cara ao exterior, pois asemella que nun primeiro momento ían ser balcóns.
En canto á rúa principal, máis ancha que as laterais, ten unha organización semellante. Na planta baixa disponse un gran oco central cunha porta a cada lado. Porén, o tratamento é diferente ao dos outros vans, xa que o linteis posúen forma de arco, o que lle confire maior importancia ao corpo, resaltado polo almofadado do mesmo. No primeiro piso, seguindo a liña marcada polas portas inferiores, ábrense tres balcóns sobre ménsulas profusamente decoradas. Todo o conxunto estaba rematado por unha cornixa cunha balaustrada con floreiros, aínda que a da rúa esquerda foi sacrificada tralo engadido do baixo cuberta a finais dos anos 90.
No que se refire ás fachadas laterais, a esquerda é medianeira con outro edificio, mentres que na da dereita só se abren pequenos vans cadrados a media altura. Finalmente, a posterior, orientada cara ao oeste, presenta unha sinxeleza construtiva, con portas no baixo e fiestras no primeiro piso, pero sen ningunha decoración.
A nivel ornamental destacan o almofadado do baixo da rúa principal, ás ménsulas dos balcóns e os capiteis das pseudopilastras do van central. Tamén son salientables os balaústres de ferro que posúen as portas na parte superior, e o peche dos balcóns, xunto co remate do edificio. Finalmente, habería que nomear os azulexos utilizados no remate das divisións verticais das rúas ou nos vans da planta baixa do corpo dereito.

O interior atópase moi modificado e en estado ruinoso. A estrutura comeza a sufrir as consecuencias do abandono, das humidades e dos animais que aniñan na armazón da cuberta. A reforma que sufriu non está documentada, aínda que segundo testemuñas podemos afirmar que si que a houbo, xa que se lembran como era antes. Ao parecer, o máis salientable era a disposición central dunha escaleira imperial, semellante á que tivo a casa do concello e que tamén se perdeu.

Análise tipolóxica

O edificio da antiga biblioteca podemos relacionalo co movemento ecléctico que se desenvolveu en Galicia a principios do século XX. Son varias as semellanzas que atopamos neste inmoble en relación con outros realizados en cidades como Vigo, Pontevedra ou Santiago.
O uso dunha cantaría granítica será un dos rangos distintivos empregados por José Sanmartín na Estrada, mantendo un diálogo coas novas solucións que desde finais do século XIX se adoptaban no sur da provincia de Pontevedra. Xunto a este, destacan o almofadado do baixo, a horizontalidade dos corpos, a simetría na apertura dos vans e as pilastras xigantes que percorren a fachada verticalmente.
En canto á decoración, utiliza recursos modernistas como os balaústres dos balcóns e da cornixa, as ménsulas ou os azulexos de separación dos vans e do coroamento das pilastras.
Nesta obra promovida e executada por Sanmartín, vemos o mesmo tipo de peche dos balcóns e das portas de aire que os utilizados en outras obras na Estrada, tanto no casco urbano como no rural. Así, os balaústres son similares aos da súa casa da Somoza e a varanda de flores á dun panteón do cemiterio de Figueroa. Porén, as influencias máis directas tenas nas obras que construíu na praza de Galicia para Porto Verdura, e na casa do concello de Franco Montes.

Adeus á Casa de Portela en Villa Brasil (A Estrada)

No mes de xaneiro de 2001 tiven a oportunidade de estar na coñecida como “Casa de Portela”, situada no barrio estradense de “Villa Brasil”, actual rúa Fernando Conde. As súas propietarias, coas que acudín a vela, tíñana á venda, pero ían a miúdo por alí para ventilala e favorecer a súa conservación.

Vista xeral desde a rúa Fernando Conde en 2001
Vista da horta co engadido para sanatorio

Vista das escaleiras desde a entrada
Vista dun corredor na planta principal
Detalle da galería exterior do solario
Varios anos despois da miña incursión, a casa foi vendida (ca. 2004-5), coido que directamente á inmobiliaria Promociones Ramallosa Cinco SL, que pretendían construír en toda a mazá. Desde ese momento, as portas de aire dos seus balcóns quedaron abertas para sempre e as súas reixas desapareceron. Con chuvia e con sol, o paso do tempo foi motivando un deterioro progresivo. A clave? A ruína. Unha acción provocada para acadar a declaración de ruína técnica e económica e a conseguinte licenza de derrube. Pero o PXOM non se aprobou, as licenzas paralizáronse e a “Casa do Paxariño” (no seu baixo houbo un bar con ese nome) foi salvándose, malia que as obras xa comezaran na parte posterior da finca. Unha escapatoria que durou case dez anos, pois a semana pasada chegoulle o anuncio do seu día 🙁
Estamos ante unha obra de principios do século XX que debera estar protexida. De feito, no avance do catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1996, aparecía con protección “ambiental” e describíana así:

“su singularidad radica en su policromía. El balcón superior con retranqueo de la planta es solución frecuente ya vista. Curiosa la buhardilla para luces”.

Ademais, parte desa “singularidade” estaba no engadido posterior onde o médico Jesús Portela Fares tivera o seu “Sanatorio naturista”, que así se describía nunha nova no xornal El Emigrado do mes de xuño de 1927:

Sanatorio naturista.-
El competente médico de Estrada, D. Jesús Portela Fares está dando los últimos retoques a la instalación de su sanatorio naturista de Villa-Brasil.

Este importante establecimiento, destinado a devolver la salud a los pacientes por los procedimientos mas modernos, viene, desde luego a dar más realce a esta villa, y será un nuevo motivo para atraer a la misma la gente forastera.

E así se anunciaba:

Cabe lembrar que durante a primeiro terzo do século XX, A Estrada coñecíase como a “Villa Airista”. Así, por exemplo, en decembro de 1917, o catedrático de medicina de Santiago, Antonio Novo Campelo impartiu unha conferencia de extensión universitaria co título “Valor de La Estrada como estancia climatérica de altura media” na que explicaba a importancia do clima da vila e dos seus contornos. Un pobo recomendado para tomar os “aires” da montaña a doentes de tuberculose e outras afeccións pulmonares ou respiratorias. De feito, nesa mesma época, o filántropo vigués Fernando Conde Domínguez instalaba no linde coa parroquia de Lagartóns, no Sixto, “las simpáticas Colonias Escolares de Vigo” para que “los pequeñuelos”, “niños pobres de Vigo”, gozaran “de los salutíferos aires de esta comarca”. Outro edificio que, por desgraza, non está protexido e ten os anos contados.

A “Casa de Portela” ou a do “Paxariño” é a que eu coñecín como “Pajarera”. Igual por mor dunha mistura do nome do bar que estivo alí e as galerías acristaladas que poden asemellar un invernadoiro ou unha gaiola. A saber…

E como non localicei os negativos das fotos, as que aquí amoso sestán escaneadas da copia en papel, de aí a baixísima calidade.

Gharlopinha

Coa nova presentación do blog, Gharlopinha e o seu porqué quedan máis ocultos. Por iso, con esta entrada de fin de ano tratarei de explicalo, agardando que no 2014 haxa publicacións de maneira máis habitual!

Instrumental de carpinteiro segundo Xocas

Neta de carpinteiro, recordo a “caseta” do abuelo chea de martillos, gharlopas, sepillos, berberiquís e trenchas. Xunto ás ferramentas, un sen fin de latas de bonito dun quilo de Atunsa e pandeiretas de sardiñas de Escurís espallábanse polas baldas organizando puntas, cravos e arandelas. E certo é que unha base importante da nosa arquitectura foron os carpinteiros, que onda outros profesionais, teceron ao longo dos séculos a armazón do noso patrimonio. Homes, e en menor medida mulleres, cuxos nomes permaneceron no anonimato. E ben seguro que desde a Prehistoria non houbo unha obra neste país na que a madeira non fixera falta!

O etnógrafo Xaquín Lorenzo, Xocas, na monografía sobre os oficios, di do de carpinteiro que foi un dos que máis desenvolvemento tivo grazas á riqueza forestal. Así mesmo, diferencia varias especialidades: os de ribeira, fragueiros, cubeiros, zoqueiros, torneiros, ebanistas, os de armar e os de taller, como o meu avó. A súa “caseta”, como tamén denomina Xocas, está ao carón da casa e nela non pode faltar nin o banco nin o “instrumental” que recolle na ilustración que aquí reproduzo, e da que destaco as seguintes ferramentas:

Garlopa: a que dá nome ao blog é, segundo a RAG, unha “ferramenta do carpinteiro máis longa ca o cepillo e con puño, que serve para labrar ou tornar lisas as superficies de madeira”; mentres que Estraviz a define como “plaina grande de carpinteiro para alisar mais a madeira já desbastada”.

Cepillo: utensilio de madeira de forma alongada, que leva incrustada, atravesándoo, unha coitela, empregado en carpintaría para quitarlle pequenas láminas á madeira e tornala lisa (RAG); instrumento de carpintaria, pequena plaina com que se alisa a madeira (Estraviz).
Berbequí: aparello constituído por unha manivela dobrada en dous cóbados, en forma de asa, cunha barrena no extremo inferior, utilizado en carpintaría para facer furados na madeira (RAG); espécie de barrena para furar madeira, metal, pedra ou louça (Estraviz).

Madeira: materia compacta e dura que está debaixo da casca das árbores e doutras plantas (RAG); parte lenhosa, compacta e dura do tronco, da raiz e das ramas das plantas ou tábuas, vigas, etc., empregadas em trabalhos de carpintaria (Estraviz). 

Serraduras: conxunto de partículas que se deprenden dunha materia ao serrala (RAG); serrim, pó que cai de qualquer madeira que se serra (Estraviz).

Garlopas, cepillos, trencha e outras ferramentas do(s) avó(s) Ramiro(s)

Por isto, a pretensión deste blog era, e segue sendo, a de poñer en valor o traballo de diferentes profesionais, amosando acertos e fallos que xiran en torno ao noso patrimonio e á nosa cultura. Cabezas de boa madeira para construír, pero tamén miolos cheos de serraduras para destruír.