Balcóns de miriñaque e rehabilitacións.

Miriñaque

O miriñaque ou crinolina era un ríxido refaixo que usaban as mulleres no século XIX para erguer e soster as saias. Nun primeiro momento eran de tea, pasando logo a facerse con aros de aceiro. En España, o seu uso xeneralizouse en época isabelina.

Para que as damas non engurraran as súas saias cando se asomaban a un balcón, os enreixados facíanse con forma curva, sendo coñecidos como “balcóns de miriñaque”. A moda fixo que o miriñaque fora reemprazado polo polisón, que só avultaba por detrás, polo que nos balcóns comezaron a predominar as formas rectas.

Polisón nun gravado de 1884

Este paso do miriñaque ao polisón que tamén se reflicte na arte do ferro pódenos axudar a datar as construcións nas que se atopan. Así, as edificacións con balcóns de miriñaque adoitan ser máis antigas que as que teñen balcóns rectos e, ademais, presentan motivos decorativos máis sinxelos.

No caso da Estrada, hai varias casas que serven como exemplo, todas na mesma zona: a de José Trigo na Farola, a de Calzados Arca en Serafín Pazo, a da farmacia de Pardo ao comezo da Calvo Sotelo ou a do médico Araújo na San Paio. Por desgraza, os balcóns de miriñaque orixinais da casa de Virxinia Pereira perdéronse despois da profunda reforma á que foi sometida.

Queda tamén unha casa no número 15 da rúa Ulla, próxima á Porta do Sol, na que acaban de iniciar o proceso de rehabilitación. Trátase dunha pequena construción de baixo e unha altura. Na planta inferior ábrense tres portas e na superior balcóns de miriñaque, quizais o elemento máis característico do conxunto.

En 1927, Benigno Porto e Manuel Gestoso fundaran no seu baixo a carpintaría “La Industrial” (na imaxe, anuncio de 1930 en “El Emigrado”). Dez anos despois, o local estivo ocupado pola reloxería de Manuel López Vilán.

Moitas das vivendas desta rúa seguen -ou seguían- o mesmo esquema construtivo. Pero só esta e a contigua conservan balcóns de miriñaque.

Vista da rúa Ulla coa casa de “La Industrial” á esquerda, en primeiro termo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *